top of page

Axudas de fomento de emprego

A Consellería de Traballo e Benestar convoca axudas e subvencions co obxecto de contribuír á creación ou mantemento de postos de traballo en cooperativas. O programa de fomento do emprego está dirixido a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores/as con carácter temporal, como socios e socias traballadores/as ou de traballo de cooperativas.

A orde de convocatoria establece anualmente as condicións e os requisitos das distintas axudas, entre as que se atopan as dirixidas ás persoas que adquiren a condición de socias traballadoras e as dirixidas ás cooperativas que asumen novas incorporacións de persoas desempregadas.

Entre outros colectivos con dificultades de inserción laboral, estas axudas diríxense ao colectivo de desempregados/as de longa duración, xente nova, mulleres desempregadas, discapacitados/as e a aquelas que se incorporan ao mercado de traballo despois dun tempo de inactividade por maternidade, ás que van desenvolver unha profesión ou ocupación con menor índice de emprego feminino, ou ás que son titulares de familias monoparentais con  responsabilidades familiares, entre outras. As axudas van desde os 5.500 euros ata os 10.000 euros en función do colectivo apoiado.

Axudas de fomento do acceso á condición de socio traballador

Estas axudas están dirixidas a facilitar que as persoas desempregadas ou asalariadas de cooperativas, ou demandantes de mellora de emprego, poidan acceder á condición de socios traballadores ou de traballo de cooperativas.

Os beneficiarios destas axudas perciben unha axuda económica destinada a financiar parcialmente o desembolso da achega ao capital social ou cota de ingreso, que deban realizar para a súa integración na empresa como socios con plenos dereitos, ata un máximo de 4.500 euros.

Axudas de asesoramento e acompañamento de proxectos

Esta axuda financia o asesoramento e acompañamento de proxectos, que comprenderá desde a realización de actividades previas ao inicio da actividade (orientación do proxecto, análise no grao de maduración da idea e potencialidades do sector, realización de accións formativas e informativas ao grupo promotor, etc.), ata a elaboración do plan empresarial da cooperativa (considerando a súa viabilidade social e económica) e o seu seguimento e asesoramento na execución. A axuda é variable en función do número de persoas promotoras e poden ser dende 200 a 500 horas de asesoramento.

Axuda de profesionalización e cualificación empresarial

Por medio destas axudas incentívase a contratación de directores/as ou xerentes que sexan necesarios para a viabilidade da empresa, así como a realización de cursos relacionados coa dirección e xestión empresarial e as tecnoloxías da información e a comunicación, por parte das persoas socias, ata un máximo de 20.000 euros.

Tamén se subvenciona especificamente a contratación de traballadores/as socias, psicólogos/as e outros/as profesionais de especial cualificación que resulten necesarios para a viabilidade das cooperativas que presten servizos de natureza social e á comunidade, ata un máximo de 20.000 euros.

Axuda de asistencia técnica e gastos de constitución

Con esta axuda pódese financiar parcialmente a realización de accións de asistencia técnica, de estudos de viabilidade, organización, comercialización, difusión e outras  de natureza análoga. Tamén se subvencionan os custos de asesoramento para a elaboración de estatutos sociais e regulamentos de réxime interno e os trámites derivados do proceso de constitución.

A subvención total ten un límite máximo de 10.000 euros por entidade.

Axuda para a intercooperación

Subvenciónanse especificamente os custos derivados de proxectos de colaboración empresarial entre cooperativas que teñan como finalidade a consecución de obxectivos comúns relacionados coa investigación, o desenvolvemento e a innovación, as tecnoloxías da información e as comunicacións, ou a comercialización conxunta e a internacionalización. O límite máximo desta axuda é de 20.000 euros para o conxunto das entidades participantes.

Axuda de capitalización da prestación por desemprego

Outra medida de apoio ao fomento de emprego consiste na posibilidade de que as persoas desempregadas perceptoras da prestación contributiva por desemprego perciban dunha soa vez o importe total do valor da prestación, sempre que se incorporen a unha cooperativa de traballo asociado e coa finalidade de destinar a cantidade percibida ao capital da cooperativa.

As condicións e os requisitos establécense na correspondente normativa reguladora e as solicitudes deben realizarse, con carácter previo ao inicio da actividade, ante a oficina de emprego correspondente. As persoas beneficiarias deste pagamento único da prestación por desemprego tamén poderán solicitar a correspondente axuda de aboamento de cotas da seguridade social.

Bonificacións fiscais e opción do réxime da seguridade social

As cooperativas contan con importantes bonificacións fiscais entre as que destaca a redución de tipo e cota no imposto de sociedades que, en función do tipo de cooperativa e de se ten a consideración de especialmente protexida, pode chegar a un tipo efectivo sensiblemente inferior, de aproximadamente un terzo, ao que soe pagar o resto de sociedades mercantís.

A cooperativa de traballo asociado é hoxe por hoxe a única empresa que ten a opción de elixir o réxime da seguridade social na que cotizarán as súas socias e socios, podendo elixir entre o réxime xeral ou o réxime especial de autónomos. Esta opción deberá ser a mesma para todas as persoas socias e deberá manterse durante cinco anos.

Axudas de programas de apoio diversos: teleformación, formación, entidades representativas, I+D+i

Desde a Consellería de Traballo e Benestar, convócase con carácter anual programas específicos e gratuítos en actividades formativas, de divulgación, para o apoio en actividades de investigación, desenvolvemento e innovación.

A través das entidades representativas do cooperativismo lévanse a cabo programas e actividades de apoio, formativas e de acompañamento para as cooperativas asociadas e novos grupos promotores de cooperativas.

Así mesmo, a Rede Eusumo e os seus centros de desenvolvemento cooperativo asociados permite sumar esforzos e impulsar territorialmente a promoción cooperativa. Nela ofrécense, con carácter gratuíto, actividades de asesoramento, formación, acompañamento e posta en marcha.

Axudas de actividades específicas e de carácter xeral

As sociedades cooperativas, en razón da actividade que realizan, poden ter acceso a outro tipo de beneficios ou subvencións específicas, incluso orientadas especificamente a este tipo de entidades.

A modo de exemplo pódense citar as convocatorias anuais de subvencións dirixidas a cooperativas agrarias realizadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar ou as ordes de axuda ás que poden acollerse as cooperativas do mar.

Con carácter xeral, as cooperativas, como calquera outra empresa, teñen acceso ao réxime de subvencións, axudas, bonificacións e calquera outra medida de apoio económico establecida polas administracións públicas.

De xeito orientativo, pódese indicar que en Galicia unha gran parte destas medidas de apoio están canalizadas a través do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica).

AXUDAS

INCENTIVOS,SUBVENCIONS,AXUDAS

VIDEO "REDE EUSUMO"

VIDEO "COOPERATIVIZATE"

Video "Cooperativa Monte Cabalar"

bottom of page